📌 A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, reivindicou hoxe na XVII Tasca do Liño “o traballo da asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua”.
“Un traballo que ademais fan durante todo o ano para a conservación e a difusión dun oficio tradicional como é o do liño, que forma parte da nosa historia e do noso patrimonio material e inmaterial”, asegurou a alcaldesa na apertura da Tasca do Liño.
👉 Xunto a Marta Rouco, interviron Carlos López, alcalde Fonsagrada e deputado provincial, e a deputada provincial de Cultura, Iria Castro. O pregón correu a cargo de Antón Tenreiro. A Tasca do Liño conta coa aportacion da área de Cultura do Concello Vilalba.
✍️ “Esta xornada de celebración e reivindicación aproximase xa á súa maioría de idade, consolidada como unha cita coa nosa memoria colectiva e as nosas tradicións”, apuntou Marta Rouco.
A programación da xornada inclúe obradoiros, demostracións, música, degustacións do ‘cacho’, xantar popular e queimada.
“A Tasca é un dos moitos exemplos da riqueza do noso rural, neste caso a través dun oficio para extraer fío do liño para uso textil ou doméstico, unha práctica que aquí na parroquia de Insua combina traballo e socialización”, afirmou a alcaldesa.
“Gústame tamén sempre recordar que o traballo co liño é moi importante porque o fixeron e o fan as mulleres, e temos que reivindicar e deixar fóra do esquecemento os traballos que viñan facendo as mulleres. Un esquecemento inxusto que durante demasiado tempo invisibilizou a aportación histórica das mulleres en todos os eidos da vida”, rematou.