Noticias e alertas

💜 Vilalba acolleu a presentación dos novos libros de MAVI: A Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero A subdelegada do Gobe...

02/12/2023

💜 Vilalba acolleu a presentación dos novos libros de MAVI: A Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero



A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, celebrou a boa acollida que está a ter esta iniciativa, ideada para remover conciencias e cambiar hábitos machistas aínda presentes nunha sociedade que a día de hoxe segue marcada polas conductas sexistas e patriarcais.



A subdelegada presentou xunto á alcaldesa do concello, Marta Rouco, a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, e outros membros do grupo de goberno local a renovación dos libros, deixando clara a aposta do concello e do pobo vilalbés na premisa de “non dar un paso atrás na loita contra a violencia machista”.



“Deixamos constancia con esta renovación da remesa de libros de temática feminista a aposta do Goberno por crear conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos e que como viñemos corroborando dende a semana pasada, semana do 25N, é un asunto que segue á orde do día e que continúa a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país” manifestou a subdelegada.



Marta Rouco asegurou que “na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. É por iso que se agregan novos libros que están á disposición da cidadanía na biblioteca pública municipal e que traballan temáticas que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos machistas e discriminatorios, así como a perpetuación dos estereotipos e roles de xénero”.



A subdelegada agradeceu á alcaldesa o seu interese pola proposta, evidenciando a vontade de seguir a traballar por “unha Vilalba feminista, que busca liberarse de actitudes e comportamentos machistas e misóxinos en pro dunha igualdade efectiva e real, e que grazas a estes novos libros que incluímos e aos programas que estamos a desenvolver todas as administracións públicas, conseguiremos avanzar cara unha verdadeira democracia igualitaria”.



MAVI



A maleta conta con doce libros para que tanto mulleres coma homes poidan formar parte do proxecto, incluíndo un diario onde as persoas que participen poidan expresar as súas reflexións e opinións sobre os libros e as experiencias que tiveron a través da lectura.



Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies